dijous, 29 d’octubre del 2009

Serán...

Estes días durmo e non durmo no faiado.
Leo no Fole coa lanterna na man
e penso nos que, quizais, están tamén
espertos a esas horas: a S., o P., o E.
(a este imaxínoo co cóbado na barra e a palabra no ar).

Efectivamente, a S. estaba esperta,
e confirmoume ao día seguinte que me pasara pensamentos:
“Pois debincho pasar eu... nesta época conflúen enerxías.
Hai quen di que son as almas que volven, que vén sendo o mesmo”.

Agora, cando vexo cabazas nos muros de pedra
—din que é para que sequen—
paréceme que ninguén as puxo aí, pero por algo están.
Se chove, é porque así o queren os grelos
e hoxe vímoslle a lingua a unha bolboreta.

El serán as cabazas?
 
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Creative Commons License
Aquesta obra està subjecta a una llicència de Reconeixement-No comercial-Sense obres derivades 3.0 Espanya de Creative Commons